lunes, 23 de junio de 2008

CASA DA QUEIRA

Son unha apaixoada do turismo rural, paréceme unha forma de viaxar e de coñecer moitos lugares en parella ou en grupo con amigas/os dun xeito adaptable a todos os petos. Unha forma de fundir o mais esencial da persoa co encanto e a tranquilidade da natureza.
Ata agora sempre visitaba Asturias, o mais preto posible dos Picos de Europa, buscando o rural mais rural, polo encanto e o familiar trato da súa xente, pola maxia da súa paisaxe e polo sabrosísimo da súa gastronomía.
O ano pasado visitei O Pindo na Costa da Morte, pois tiven a sorte de gañar unha fin de semana na casa "A Laxe", foi toda unha experiencia, pois a beleza da costa é incomparable impregnada do esprito mariñeiro das súas xentes.
Este pasado venres fixen un grande e fantástico descubrimento sen ter que saír da nosa Comarca, no veciño Concello de Ares, concello no que nacín e ó que teño un grande i especial agarimo. Descubrín "A Casa de Queira" un rinconciño tranquilo, acolledor e privilexiado polo verde que o rodea, polo silencio que comparte o son do vento co doce asubiar dos paxariños, pola proximidade do mar e pola atención do seu propietario: Michel Metz.
A tan só 20 minutos da miña casa, estaba agachada esta paraxe que dispón, ademais de hospedaxe, dun restaurante onde o propio Michel é o chef. Así, oferta un espacio decorado con detalle de xeito cálido e á vez cun toque de elegancia particular, complementado por unha gastronomía elaborada con productos tradicionais coa aportación do toque da cociña francesa que con agarimo pon Michel.
Podedes visitar Mugardos e Ares (a 3 minutos), disfrutar de fermosas praias, entre as que eu destaco a de Chanteiro pola transparencia das súas augas e pola posibilidade de disfrutar tanto da area como das rochas para broncearse. Si queredes facer algo de sendeirismo non deixedes de subir a Montefaro onde podedes ver o Mosteiro de Santa Catalina e tomar fantásticas vistas das rías de Ferrol e da Coruña dende A Bailadora ou Fonteseca, respectivamente. Tamén hai a opción de percorrer as antigas baterías de Segaño e Coitelada (Chanteiro) que con toda seguridade vos deixarán abraiad@s. É unha mágoa que non se mire de conservalas e publicitalas para fomento do turismo e fonte de ingresos tanto do Concello como do comercio de toda a Comarca.
A única cousa que lamento é que "A Casa da Queira" non teña aínda páxina web, pois non hai posibilidade de ter información detallada de dispoñibilidade nin de tarifas, seguramente pronto contará con ela, pero entre tanto, recomendo a tod@s @s que visitedes o meu blog, que si tedes ocasión non deixedes de ir e comprobar que todo canto digo é pouco para o que este pequeno paraíso natural é. Logo me contades...

viernes, 20 de junio de 2008

NARÓN UN CONCELLO A DESCUBRIR


O terceiro domingo do pasado mes de maio a Agrupación Local Socialista de Narón votou a andar unha das actividades a desenvolver no 2008, as andainas polas distintas parroquias do concello, que nos levou á parroquia do Val.
Nesta primeira andaina xuntámonos 15 persoas, chovía, pero igualmente fomos camiñar, visitando Pena Molexa (lugar cunha lenda mítica que se representará na noite do 28 de xuño), no fronte está o Castro de Vilasuso cheo de eucalito, e por suposto unha vista singular de Narón, polas pistas do monte pasamos por riva das praias de A Hortiña, O Casal e Pena Lopesa e fomos baixando para visitar o Convento de Baltar, que esconde, nun terreo interior, os restos dunha fonte renacentista. Sacamos as fotos de rigor e voltamos ó Local Social, punto de encontro para os que participamos.

O domingo 15 de xuño tocou a segunda andaina que unha vez mais foi no Val, pois é unha parroquia cunha grande extensión; desta volta subimos polo Vilar ó Monte da Lagoa, percorrendo camiños monte arriba de dificultade alta dende os que se divisan praias de Ferrol facendo do entorno algo máxico e único. Logo tocou o regreso, que nos sumerxeu nunha auténtica aventura por un carreiro polo medio do monte que saía ó lado do lugar de Lobeiro, e aínda que desta volta choveu mais que a primeira e atopamos un auténtico río polo camiño de baixada que auguraba píntegas e bichería, chegamos bordeando a igresa e o campo de golf ó punto de partida sen que ninguén se mancara.

"Narón un concello a descubrir" é o noso lema, que, sae dunha das finalidades destas camiñatas, que non é outra que coñecer ata o mais pequeno recuncho do pobo no que vivimos. Para a meirande parte da xente Narón non é mais que a estrada de Castela con casas ós lados, pero nada mais lonxe da realidade...

Narón ten costa fermosísima que bordea a parroquia de O Val, ten o Monte da Lagoa (320m. de altitude aprox.), o Monte dos Nenos cunhas vistas incomparabeis, o Convento de Baltar, o Mosteiro de O Couto, o paseo marítimo de Xubia, a área recreativa de Pedroso, os nosos muíños...., como podedes ler unha morea de lugares de interese paixasístico, artístico e cultural, que queremos amosar, non só á nosa militancia, senon a todos aqueles que, sendo do noso Concello ou de calquera outro da Comarca ou mais aló, se animen a acompañarnos nesta fermosa aventura.

A nosa seguinte marcha será a primeiros de xullo nunha das restantes parroquias, agardando que o grupo siga a medrar. ¿Apúntaste? Estaremos encantados de que nos acompañes. Ven e coñece Narón.

martes, 10 de junio de 2008

O MATRIMONIO TG-PP

Retomando o artigo anterior, un ano da moito que dicir da política desenvolvida no Concello.
A política desenvolvida por TG segue estancada nun continuísmo para rematar os proxectos nos que estaban embarcados na lexislatura anterior, un proxecto esgotado que non contempla arranxar os erros que cometeron nestes pasados catro anos, como poden ser o prezo do enganche do saneamento na zona rural; a falla de previsión, estudio e planificación falando urbanisticamente, a opacidade da xestión do Concello de cara á veciñanza.....
O mais triste é que despois do matrimonio (¿en crise?) TG-PP, as cousas non teñen mudado para mellor, salvo para ter mais promesas incumpridas enriba da mesa, para estar repartindo concellerías á metade (así ninguén ten responsabilidades e ninguén leva as labazadas), en definitiva, para facer do “desgoberno” de Narón un auténtico caos.
Lamentablemente, e como pasa sempre, quen paga isto é a veciñanza de Narón, que segue sen disfrutar dos servizos axeitados e sen ter a calidade de vida que unha poboación de 37000 habitantes precisa. Hai necesidades de prazas escolares, o Centro de Saúde quedouse pequeno no mais amplo senso da palabra, non hai un transporte interurbano que comunique axeitadamente as parroquias nin tampouco o concello co resto da comarca, non se manteñen as estradas, as beirarrúas, os parques infantiles, non se fan parques con amplas zonas verdes, non se fai un seguimento das obras ocasionando cuantiosos problemas.... A única preocupación é conseguir aumentar a poboación a calquera prezo, deixando o estudio do que van a precisar esas persoas a un lado con tal de conseguir alcanzar un título de “cidade”.
Xa abonda de mirar ós propios embigos, de apoltronarse nas cadeiras, de votar a culpa dos erros ás outras administracións por sistema, a poboación de Narón o que quere e o que necesita é que se lle faciliten os servizos que precisan con transparencia na xestión, con planificación e con inversións xustas e equitativas acordes ós impostos que se pagan.
Xa vai ben de obrigas, agora tocan os dereitos.

miércoles, 4 de junio de 2008

XA PASOU UN ANO



Parece que foi onte cando tomabamos posesión como Concelleir@s e xa pasou un ano de lexislatura. Un ano cargado de traballo a carón da cidadanía, pelexando por resolver os seus problemas, escoitando e recollendo as súas reivindicacións para convertelas en propostas e iniciativas que trasladamos ó Grupo de Goberno (conformado por TG e o PP).
Despois dun ano aínda non perdemos o sorriso do primeiro día, non perdemos as ganas (que están a medrar e medrar), mantemos a ilusión, e o mais importante, mantemos a nosa palabra defendendo as nosas ideas e os nosos principios, recollidos no noso programa electoral para poder ir coa cabeza ben erguida e poder mirar á cara a toda a xente que nos escoitou e que depositou a súa confianza en nós.
Estar na oposición non é doado, e menos aínda, cando a pesar de ter a oposición a chave para facer en Narón un goberno democrático, o PP esqueceu a súa palabra (ideas e principios) e firmou o pacto con TG.
Lonxe de mellorar imos a peor, pois as propostas en iniciativas da oposición son votadas sistematicamente en contra, chegando a ter que escoitar incluso que “podemos compartir el fondo de la moción porque nos consta que este problema existe, pero no podemos compartirla políticamente y la votamos en contra”, eu me pregunto: ¿e logo non é política o que facemos no concello? ¿si o problema existe e hai solucións enriba da mesa por qué se vota negativamente castigando ós veciñ@s?
Temos feito unha morea de xestións para toda a xente que se achegou a nós para facernos partícipes dos seus problemas e inquedanzas; para as asociacións coas que tivemos xuntanzas, xestións non só relacionadas co concello, se non tamén coa Deputación, coa Xunta e co Goberno Central. É verdade que non todo se resolveu e que aínda hai cousas pendentes nas que seguimos a traballar, pero o que sabe esa xente é que as súas verbas non caen en saco roto cando @s socialistas de Narón os escoitamos, e que facemos o imposible para dar unha resposta, sexa positiva ou negativa ós seus problemas.
Este é un tema que vou dividir en varios artigos pois é moito o que hai por dicir de todo un ano, como prólogo xa non vai mal.

Visita ó Concello de Cedeira



Por primeira vez, e logo de ter visitado Cedeira en moitas ocasións, tiven oportunidade de visitar a Casa Consistorial da man do seu principal dirixente, o compañeiro e amigo José Luís.

Eran xa as 18:30 cando cheguei á pequena e acolledora praza do Concello, alí agardaban dous compañeiros a que o Alcalde rematara unha Xunta de Goberno, e nun abrir e pechar de ollos asomou pola porta o agarimoso e familiar sorriso de Vergara.

Despois do saúdo e a aperta de rigor, poiden coñecer o interior do Consistorio, visitando as diversas dependencias que alberga nos seus muros e, por suposto, o despacho de Alcaldía onde tantas horas de traballo adica este alcalde socialista para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

Falamos un bo rato e despois de facer as xestións que me levaron a esta visita, despedinme e emprendín o camiño de regreso á casa.

Fantástica visita a desta tarde, non sei si polo diferente do contido, non sei si polo diferente da paisaxe, non sei si pola frescura do mar que baña a vila de Cedeira...., pero o que sí sei é que o compañeirismo, a cercanía, o agarimo e a confianza que emana o noso compañeiro cedeirés fan da visita a ese paraíso da natureza unha experiencia gratificante, que aporta ademais de ánimo, benestar e tranquilidade, unha verdadeira aprendizaxe de cómo traballar en equipo, de cómo sentirse parte dun mesmo proxecto, parte dunha "familia"..., da FAMILIA SOCIALISTA.

Gracias compañeiro, AMIGO, Vergara.

martes, 3 de junio de 2008

Sempre hai unha primeira vez



Hoxe por fin dou o meu primeiro pasiño e voto a andar neste mundo sen o que, xa case, un non é ninguén.

Os blogs son un instrumento imprescindible para @s que queremos achegar o noso traballo, o noso pensamento e o mais básico da nosa propia esencia, mais aló de límites imaxinables, pois calquera pode acceder a eles.

Sempre hai unha primeira vez para todo, e como novata son consciente de que cometerei erros que, coa vosa colaboración, tentarei correxir.

¿Qué espero deste "o meu recuncho"? Pois sinxelamente que moit@s o visitedes, que me coñezades e que manteñades unha comunicación fluida e permanente conmigo a través dos vosos comentarios.

En fin...., imos aló, probemos esta nova experiencia.