martes, 12 de mayo de 2009

ELIXIMOS NOVA DIRECIÓN NO PSdeG



Retomo hoxe o meu blog, que estaba entrando case que en paliativos polo abandono, espero encontrar un ratiño para mantelo vivo.
Quero dedicar este apartado ó Congreso Extraordinario que os pasados 24 e 25 de abril nos deron a posibilidade de elexir e renovar a Executiva Nacional do PSdeG, un Congreso de importancia relevante onde o noso partido toma un novo rumbo con Manuel (Pachi) Vázquez á cabeza como Secretario Xeral.
Pachi presentounos un Programa de Traballo e un Proxecto de futuro, que si de verdade o cumple, fará do PSdeG unha máquina imparable e o suficientemente forte para voltar a tomar as rendas desta Galicia que necesita, e en realidade quere e reclama progreso e futuro en igualdade, liberdade, democracia e xustiza social, todas señas de identidade do socialismo e das políticas socialistas.
En nome da Agrupación Local que represento, teño apoiado este proxecto que Pachi inicia, e o teño feito porque identifico en moitas cousas del o traballo que nós xa facemos, e porque defendo tamén outras moitas que se nos anunciaron.
Os/as socialistas de Narón traballamos a pé de rúa, coa xente, co movemento asociativo, apoiando sempre e implicando á nosa militancia, e somos nós os que nos achegamos á cidadanía, atendendo dende os problemas cotiás da veciñanza, ata o traballo de facer as campañas electorais repartindo propaganda nas rúas e porta a porta, e como non na zona de marcha para achegarnos á xente moza en colaboración coas X.S.G, que non son só o futuro, son tamén o presente e teñen que ter un lugar destacado nas nosas actuacións. Todo isto é imprescindible, temos que traballar e traballamos con, por e para a xente.
A preparación e formación é un punto elemental para conseguir un partido máis forte e resolutorio, é importantísima a creación desa escola de formación en Galicia, que facilite dar continuidade e permanencia no tempo ó noso proxecto e ó noso traballo.
Outra novedade que foi acollida con satisfación é a de que cada home ou muller ocupen un único cargo, porque hai moita xente válida e con ganas de aportar traballo e ideas que fortalezan este novo PSdeG. Eu son Secretaria Xeral e Voceira do Grupo Municipal, e aseguro que chega dabondo, cando se quere traballar e facer as cousas dun xeito aceptable. O PSdeG ten un ideario propio que ten que desenvolver a militancia, e todos e todas teñen que poder aceder a poder ocupar cargos no partido, o problema é que cando algunhas persoas chegan arriba queren aglutinar todo, e outr@s xogan ó "quítate tú que me pongo yo". Este novo Proxecto de partido aposta por outra cousa e por iso depositei a miña confianza e a dos meus militantes en Pachi o día 24 votando por él.
Eliximos tamén a nova Executiva Nacional, un grupo de homes e mulleres cos que nos deberíamos sentir representados a totalidade dos que conformamos este partido. Demandamos tanto do novo Secretario Xeral como do novo equipo que lidera, ese contacto directo que Pachi abandeirou no seu discurso. Dixo que ía recorrer cada Agrupación Local para falar con cada un de nós mirándonos ós ollos..., eu nese momento quero mirarlle ós ollos tamén para decirlle que Narón estará ahí, pero sen intermediarios nin con él nin cos compoñentes desa nova Executiva. Cando haiba algo que tratar, ten que ser directamente para ben ou para mal, doutro xeito será todo máis do mesmo que xa tivemos.
Son a Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Narón, novena cidade galega e cuarta da Coruña. En cinco anos temos contado coa axuda e colaboración de moi contados compañeiros e compañeiras, traballando case en solitario na maior parte das ocasións, xa que todo se centra nas grandes cidades e nos grandes fichaxes, parecendo que os que somos máis pequenos e menos relevantes só contamos para encher actos e pegar carteis.
Pachi manifestou no Congreso a súa intención de contar con todos e todas por igual, contará polo tanto con Narón para facer realidade o seu proxecto, que é o de todos e todas os socialistas galegos, para facer que este partido sexa o máis forte. O único que lle pedimos é "Pachi, non nos defraudes", pois moito do que él promete ten sido prometido antes e nunca foi feito.
O noso novo Secretario Xeral foi quen de despertar ilusión, forza e ganas de traballar e seguir adiante coas súas intervencións no Congreso, agora toca cumprir.
Parabens, forza, paciencia e ánimo Pachi. A traballar, a traballar e a traballar.

martes, 12 de agosto de 2008

FESTAS NARÓN 2008

Con este van xa cinco anos que se institucionalizaron as festas de verán do Concello de Narón.
Ata o de agora fixéranse sempre na Praza de Galicia, lugar non moi axeitado para tales eventos, xa que o peso dos camións co material dos músicos deterioraban considerablemente o pavimento da mesma, ocasionando goteiras de grande magnitude no Centro Comercial. As festas dos catro anos anteriores non foron para nada comparables ás deste ano 2008, pero claro está que os orzamentos destiñados tampouco teñen similitude algunha...
A parroquia de Xuvia pelexou estes derradeiros anos por poder celebrar as festas patronais de Santa Rita no paseo marítimo, pero sempre se lles denegou a posibilidade. Curiosamente, este ano o Grupo de Goberno esqueceu este feito para celebrar as festas de Narón 2008 no paseo... Está visto que o que manda, manda e cando a eles lles ven ben cambian as tornas.
Se ben é verdade que me gustaron estas festas e que as disfrutei, non é menos certo que me parecen desmesurados os cartos investidos nas mesmas, nada mais e nada menos que 479.500€, dos que case a metade foi para os cachés dos artistas, grupos e orquestras que estiveron, "menos uns de élite, que sairon postos ata a patilla", á altura das esixencias do público.
É un feito que todos precisamos de momentos de lecer e festa, pero tamén é certo que cando non hai para pan non se pode gastar en estampiñas. Non se pode ter á veciñanza sen servizos básicos e investir alegremente todos eses cartos, saídos integramente dos impostos que pagamos, en cinco días de festa con dúas sesións pirotécnicas e dúas xornadas de actuacións relevantes (Siniestro, Dover e Víctor e Ana Belén). Hai que ser algo mais modestos; con tres días, unha sesión de fogos e unha actuación de élite tería sido dabondo.
Hai grandes Concellos que fan grandes festas, pero buscan subvencións doutras administracións, de institucións financeiras e aportacións dos locais que están arredor delas (xa que tamén se benefician), para que á veciñanza lles saian de balde podendo así adicar os cartos do Concello para cousas mais necesarias, o Grupo de Goberno de Narón esquece que os cartos que administran non son deles, se non de todas e todos os que pagamos os impostos e non piden nin un céntimo en ningures porque como estamos sobrados...
Para a xente minusválida tiñan reservada unha pequena zona nun lateral, pero a nivel co resto do público, algo inapropiado ó meu entender, pois cos cartos gastados ben lles puideron facer un pequeno palco elevado con rampa de aceso, de xeito que a visibilidade non se perturbara porque alguén se puxera diante deles, e que puideran disfrutar ó máximo dos concertos.
Con crítica e todo, hai que recoñecer que o éxito de afluencia foi descomunal, acadando as 15000 persoas para ver a Víctor e Ana, e iso sempre supón ingresos extra para os negocios da barriada e para todo o persoal despregado para que todo funcionase dentro da normalidade.
O vindeiro ano haberá que estar ollo avizor e facer algunha que outra proposta e consideración ás persoas responsables para melloralas no posible, para non tirar cartos innecesarios e para dar unha mellor calidade das festas para tod@s en xeral.

lunes, 4 de agosto de 2008

TEMAS PENDENTES

Retomo o meu blog agora que no mes de agosto a vida municipal do Concello entra en época vacacional e dispoño de algo mais de tempo, pois teño unha morea de temas agardando no tinteiro que pelexan por plasmarse para que os poidades ler.
O primeiro é o 37 Congreso Socialista que se celebrou os días 4, 5 e 6 de xullo do presente ano en Madrid. Non tiña eu moitas ganas de asistir a este encontro socialista, pois encontrábame cansa polo traballo cotiá e a simple idea de pensar nos mais de mil km. de ida e volta me esgotaba mais se cabía, pero era importante que Narón estivera representado alí, nese graíño da historia do partido.
Saímos ás cinco da mañá cara á capital, Ángel, Iván, Beatriz mais eu, e de camiño paramos a recoller á compañeira Silvia de Cerceda. Chegamos ó Congreso ás once da mañá, e despois de acreditarnos entramos no recinto do Pazo de Congresos onde nos mesturamos con compañeir@s de toda España, militancia entre a que puidemos atopar a moitas amizades ás que non viamos dende facía tempo. Subimos ó entrechán reservado para @s observadoras/es e dende alí acudimos á apertura dunhas xornadas exemplares, que se desenvolveron nun clima de consenso, unidade, ganas, forza, optimismo..., nunha verba dunhas xornadas nas que tod@s @s que asistimos nos sentimos unha soa persoa cun só sentimento, o sentimento que o noso Presidente Zapatero nos transmitiu en todas as súas intervencións, o de pertencer a unha grande familia de esquerdas, a unha familia consolidada que ten fixado rumbo, programa, ideais e principios.
Cómo estivo o Presidente! Recordoume a Felipe nos seus mellores tempos, claro, conciso e directo, con voz firme e xesto decidido. ¡Qué grande és José Luís, e que razón tes, sempre dando exemplo en lugar de “dar caña”! Él foi quen de sentir o noso agarimo e a nosa calor, pero tamén soubo transmitirnos ese sentimento na mesma medida. Chegou a súa proclamación novamente como Secretario Xeral por case a totalidade dos votantes, e logo a sorpresa, a nova Executiva Federal, onde a compañeira Leire se converte na nova alma do partido, nomeándoa Secretaria de Organización. Non sei qué me emocionou mais, se a aperta de ZP e Felipe ou a emoción de Leire....
Podería facer un artigo que falara de lecturas do acontecido, que fora político, pero iso o deixo para outr@s blogueir@s, eu simplemente direi que o noso Partido entra nunha nova fase, dando un paso mais na consecución da igualdade, da solidariedade e da defensa dos dereitos sociais. É tarefa de tod@s a consecución das metas fixadas, e coa aposta pola xuventude que amosou o noso Presidente, coa súa aposta decidida polas mulleres nos postos mais relevantes, o futuro pinta mais vertebrado e compacto do que xamais puidemos maxinar ou soñar.
Xa de volta na terriña, xa na casa só me queda facer unha pequena reflexión, levo poucos anos nesta grande familia, nela atopei e atopo compañeir@s de excepción, tamén xente que pinta moi ben e logo non é nin a sombra do que pinta; pero o mellor que teño, por riba dos que parecen ser e non son, por riba dos ideais e dos principios socialistas, son ese puñadiño de amig@s, eses que son mais que simples compañeir@s, que sempre están presentes e que levo no meu corazón, non poño nomes porque non hai falta de poñelos, eles i elas saben quen son, a tod@s GRACIAS con maiúsculas, gracias por deixarme ser un anaco de vos.