martes, 12 de agosto de 2008

FESTAS NARÓN 2008

Con este van xa cinco anos que se institucionalizaron as festas de verán do Concello de Narón.
Ata o de agora fixéranse sempre na Praza de Galicia, lugar non moi axeitado para tales eventos, xa que o peso dos camións co material dos músicos deterioraban considerablemente o pavimento da mesma, ocasionando goteiras de grande magnitude no Centro Comercial. As festas dos catro anos anteriores non foron para nada comparables ás deste ano 2008, pero claro está que os orzamentos destiñados tampouco teñen similitude algunha...
A parroquia de Xuvia pelexou estes derradeiros anos por poder celebrar as festas patronais de Santa Rita no paseo marítimo, pero sempre se lles denegou a posibilidade. Curiosamente, este ano o Grupo de Goberno esqueceu este feito para celebrar as festas de Narón 2008 no paseo... Está visto que o que manda, manda e cando a eles lles ven ben cambian as tornas.
Se ben é verdade que me gustaron estas festas e que as disfrutei, non é menos certo que me parecen desmesurados os cartos investidos nas mesmas, nada mais e nada menos que 479.500€, dos que case a metade foi para os cachés dos artistas, grupos e orquestras que estiveron, "menos uns de élite, que sairon postos ata a patilla", á altura das esixencias do público.
É un feito que todos precisamos de momentos de lecer e festa, pero tamén é certo que cando non hai para pan non se pode gastar en estampiñas. Non se pode ter á veciñanza sen servizos básicos e investir alegremente todos eses cartos, saídos integramente dos impostos que pagamos, en cinco días de festa con dúas sesións pirotécnicas e dúas xornadas de actuacións relevantes (Siniestro, Dover e Víctor e Ana Belén). Hai que ser algo mais modestos; con tres días, unha sesión de fogos e unha actuación de élite tería sido dabondo.
Hai grandes Concellos que fan grandes festas, pero buscan subvencións doutras administracións, de institucións financeiras e aportacións dos locais que están arredor delas (xa que tamén se benefician), para que á veciñanza lles saian de balde podendo así adicar os cartos do Concello para cousas mais necesarias, o Grupo de Goberno de Narón esquece que os cartos que administran non son deles, se non de todas e todos os que pagamos os impostos e non piden nin un céntimo en ningures porque como estamos sobrados...
Para a xente minusválida tiñan reservada unha pequena zona nun lateral, pero a nivel co resto do público, algo inapropiado ó meu entender, pois cos cartos gastados ben lles puideron facer un pequeno palco elevado con rampa de aceso, de xeito que a visibilidade non se perturbara porque alguén se puxera diante deles, e que puideran disfrutar ó máximo dos concertos.
Con crítica e todo, hai que recoñecer que o éxito de afluencia foi descomunal, acadando as 15000 persoas para ver a Víctor e Ana, e iso sempre supón ingresos extra para os negocios da barriada e para todo o persoal despregado para que todo funcionase dentro da normalidade.
O vindeiro ano haberá que estar ollo avizor e facer algunha que outra proposta e consideración ás persoas responsables para melloralas no posible, para non tirar cartos innecesarios e para dar unha mellor calidade das festas para tod@s en xeral.

No hay comentarios: