martes, 10 de junio de 2008

O MATRIMONIO TG-PP

Retomando o artigo anterior, un ano da moito que dicir da política desenvolvida no Concello.
A política desenvolvida por TG segue estancada nun continuísmo para rematar os proxectos nos que estaban embarcados na lexislatura anterior, un proxecto esgotado que non contempla arranxar os erros que cometeron nestes pasados catro anos, como poden ser o prezo do enganche do saneamento na zona rural; a falla de previsión, estudio e planificación falando urbanisticamente, a opacidade da xestión do Concello de cara á veciñanza.....
O mais triste é que despois do matrimonio (¿en crise?) TG-PP, as cousas non teñen mudado para mellor, salvo para ter mais promesas incumpridas enriba da mesa, para estar repartindo concellerías á metade (así ninguén ten responsabilidades e ninguén leva as labazadas), en definitiva, para facer do “desgoberno” de Narón un auténtico caos.
Lamentablemente, e como pasa sempre, quen paga isto é a veciñanza de Narón, que segue sen disfrutar dos servizos axeitados e sen ter a calidade de vida que unha poboación de 37000 habitantes precisa. Hai necesidades de prazas escolares, o Centro de Saúde quedouse pequeno no mais amplo senso da palabra, non hai un transporte interurbano que comunique axeitadamente as parroquias nin tampouco o concello co resto da comarca, non se manteñen as estradas, as beirarrúas, os parques infantiles, non se fan parques con amplas zonas verdes, non se fai un seguimento das obras ocasionando cuantiosos problemas.... A única preocupación é conseguir aumentar a poboación a calquera prezo, deixando o estudio do que van a precisar esas persoas a un lado con tal de conseguir alcanzar un título de “cidade”.
Xa abonda de mirar ós propios embigos, de apoltronarse nas cadeiras, de votar a culpa dos erros ás outras administracións por sistema, a poboación de Narón o que quere e o que necesita é que se lle faciliten os servizos que precisan con transparencia na xestión, con planificación e con inversións xustas e equitativas acordes ós impostos que se pagan.
Xa vai ben de obrigas, agora tocan os dereitos.

No hay comentarios: