martes, 12 de agosto de 2008

FESTAS NARÓN 2008

Con este van xa cinco anos que se institucionalizaron as festas de verán do Concello de Narón.
Ata o de agora fixéranse sempre na Praza de Galicia, lugar non moi axeitado para tales eventos, xa que o peso dos camións co material dos músicos deterioraban considerablemente o pavimento da mesma, ocasionando goteiras de grande magnitude no Centro Comercial. As festas dos catro anos anteriores non foron para nada comparables ás deste ano 2008, pero claro está que os orzamentos destiñados tampouco teñen similitude algunha...
A parroquia de Xuvia pelexou estes derradeiros anos por poder celebrar as festas patronais de Santa Rita no paseo marítimo, pero sempre se lles denegou a posibilidade. Curiosamente, este ano o Grupo de Goberno esqueceu este feito para celebrar as festas de Narón 2008 no paseo... Está visto que o que manda, manda e cando a eles lles ven ben cambian as tornas.
Se ben é verdade que me gustaron estas festas e que as disfrutei, non é menos certo que me parecen desmesurados os cartos investidos nas mesmas, nada mais e nada menos que 479.500€, dos que case a metade foi para os cachés dos artistas, grupos e orquestras que estiveron, "menos uns de élite, que sairon postos ata a patilla", á altura das esixencias do público.
É un feito que todos precisamos de momentos de lecer e festa, pero tamén é certo que cando non hai para pan non se pode gastar en estampiñas. Non se pode ter á veciñanza sen servizos básicos e investir alegremente todos eses cartos, saídos integramente dos impostos que pagamos, en cinco días de festa con dúas sesións pirotécnicas e dúas xornadas de actuacións relevantes (Siniestro, Dover e Víctor e Ana Belén). Hai que ser algo mais modestos; con tres días, unha sesión de fogos e unha actuación de élite tería sido dabondo.
Hai grandes Concellos que fan grandes festas, pero buscan subvencións doutras administracións, de institucións financeiras e aportacións dos locais que están arredor delas (xa que tamén se benefician), para que á veciñanza lles saian de balde podendo así adicar os cartos do Concello para cousas mais necesarias, o Grupo de Goberno de Narón esquece que os cartos que administran non son deles, se non de todas e todos os que pagamos os impostos e non piden nin un céntimo en ningures porque como estamos sobrados...
Para a xente minusválida tiñan reservada unha pequena zona nun lateral, pero a nivel co resto do público, algo inapropiado ó meu entender, pois cos cartos gastados ben lles puideron facer un pequeno palco elevado con rampa de aceso, de xeito que a visibilidade non se perturbara porque alguén se puxera diante deles, e que puideran disfrutar ó máximo dos concertos.
Con crítica e todo, hai que recoñecer que o éxito de afluencia foi descomunal, acadando as 15000 persoas para ver a Víctor e Ana, e iso sempre supón ingresos extra para os negocios da barriada e para todo o persoal despregado para que todo funcionase dentro da normalidade.
O vindeiro ano haberá que estar ollo avizor e facer algunha que outra proposta e consideración ás persoas responsables para melloralas no posible, para non tirar cartos innecesarios e para dar unha mellor calidade das festas para tod@s en xeral.

lunes, 4 de agosto de 2008

TEMAS PENDENTES

Retomo o meu blog agora que no mes de agosto a vida municipal do Concello entra en época vacacional e dispoño de algo mais de tempo, pois teño unha morea de temas agardando no tinteiro que pelexan por plasmarse para que os poidades ler.
O primeiro é o 37 Congreso Socialista que se celebrou os días 4, 5 e 6 de xullo do presente ano en Madrid. Non tiña eu moitas ganas de asistir a este encontro socialista, pois encontrábame cansa polo traballo cotiá e a simple idea de pensar nos mais de mil km. de ida e volta me esgotaba mais se cabía, pero era importante que Narón estivera representado alí, nese graíño da historia do partido.
Saímos ás cinco da mañá cara á capital, Ángel, Iván, Beatriz mais eu, e de camiño paramos a recoller á compañeira Silvia de Cerceda. Chegamos ó Congreso ás once da mañá, e despois de acreditarnos entramos no recinto do Pazo de Congresos onde nos mesturamos con compañeir@s de toda España, militancia entre a que puidemos atopar a moitas amizades ás que non viamos dende facía tempo. Subimos ó entrechán reservado para @s observadoras/es e dende alí acudimos á apertura dunhas xornadas exemplares, que se desenvolveron nun clima de consenso, unidade, ganas, forza, optimismo..., nunha verba dunhas xornadas nas que tod@s @s que asistimos nos sentimos unha soa persoa cun só sentimento, o sentimento que o noso Presidente Zapatero nos transmitiu en todas as súas intervencións, o de pertencer a unha grande familia de esquerdas, a unha familia consolidada que ten fixado rumbo, programa, ideais e principios.
Cómo estivo o Presidente! Recordoume a Felipe nos seus mellores tempos, claro, conciso e directo, con voz firme e xesto decidido. ¡Qué grande és José Luís, e que razón tes, sempre dando exemplo en lugar de “dar caña”! Él foi quen de sentir o noso agarimo e a nosa calor, pero tamén soubo transmitirnos ese sentimento na mesma medida. Chegou a súa proclamación novamente como Secretario Xeral por case a totalidade dos votantes, e logo a sorpresa, a nova Executiva Federal, onde a compañeira Leire se converte na nova alma do partido, nomeándoa Secretaria de Organización. Non sei qué me emocionou mais, se a aperta de ZP e Felipe ou a emoción de Leire....
Podería facer un artigo que falara de lecturas do acontecido, que fora político, pero iso o deixo para outr@s blogueir@s, eu simplemente direi que o noso Partido entra nunha nova fase, dando un paso mais na consecución da igualdade, da solidariedade e da defensa dos dereitos sociais. É tarefa de tod@s a consecución das metas fixadas, e coa aposta pola xuventude que amosou o noso Presidente, coa súa aposta decidida polas mulleres nos postos mais relevantes, o futuro pinta mais vertebrado e compacto do que xamais puidemos maxinar ou soñar.
Xa de volta na terriña, xa na casa só me queda facer unha pequena reflexión, levo poucos anos nesta grande familia, nela atopei e atopo compañeir@s de excepción, tamén xente que pinta moi ben e logo non é nin a sombra do que pinta; pero o mellor que teño, por riba dos que parecen ser e non son, por riba dos ideais e dos principios socialistas, son ese puñadiño de amig@s, eses que son mais que simples compañeir@s, que sempre están presentes e que levo no meu corazón, non poño nomes porque non hai falta de poñelos, eles i elas saben quen son, a tod@s GRACIAS con maiúsculas, gracias por deixarme ser un anaco de vos.

lunes, 23 de junio de 2008

CASA DA QUEIRA

Son unha apaixoada do turismo rural, paréceme unha forma de viaxar e de coñecer moitos lugares en parella ou en grupo con amigas/os dun xeito adaptable a todos os petos. Unha forma de fundir o mais esencial da persoa co encanto e a tranquilidade da natureza.
Ata agora sempre visitaba Asturias, o mais preto posible dos Picos de Europa, buscando o rural mais rural, polo encanto e o familiar trato da súa xente, pola maxia da súa paisaxe e polo sabrosísimo da súa gastronomía.
O ano pasado visitei O Pindo na Costa da Morte, pois tiven a sorte de gañar unha fin de semana na casa "A Laxe", foi toda unha experiencia, pois a beleza da costa é incomparable impregnada do esprito mariñeiro das súas xentes.
Este pasado venres fixen un grande e fantástico descubrimento sen ter que saír da nosa Comarca, no veciño Concello de Ares, concello no que nacín e ó que teño un grande i especial agarimo. Descubrín "A Casa de Queira" un rinconciño tranquilo, acolledor e privilexiado polo verde que o rodea, polo silencio que comparte o son do vento co doce asubiar dos paxariños, pola proximidade do mar e pola atención do seu propietario: Michel Metz.
A tan só 20 minutos da miña casa, estaba agachada esta paraxe que dispón, ademais de hospedaxe, dun restaurante onde o propio Michel é o chef. Así, oferta un espacio decorado con detalle de xeito cálido e á vez cun toque de elegancia particular, complementado por unha gastronomía elaborada con productos tradicionais coa aportación do toque da cociña francesa que con agarimo pon Michel.
Podedes visitar Mugardos e Ares (a 3 minutos), disfrutar de fermosas praias, entre as que eu destaco a de Chanteiro pola transparencia das súas augas e pola posibilidade de disfrutar tanto da area como das rochas para broncearse. Si queredes facer algo de sendeirismo non deixedes de subir a Montefaro onde podedes ver o Mosteiro de Santa Catalina e tomar fantásticas vistas das rías de Ferrol e da Coruña dende A Bailadora ou Fonteseca, respectivamente. Tamén hai a opción de percorrer as antigas baterías de Segaño e Coitelada (Chanteiro) que con toda seguridade vos deixarán abraiad@s. É unha mágoa que non se mire de conservalas e publicitalas para fomento do turismo e fonte de ingresos tanto do Concello como do comercio de toda a Comarca.
A única cousa que lamento é que "A Casa da Queira" non teña aínda páxina web, pois non hai posibilidade de ter información detallada de dispoñibilidade nin de tarifas, seguramente pronto contará con ela, pero entre tanto, recomendo a tod@s @s que visitedes o meu blog, que si tedes ocasión non deixedes de ir e comprobar que todo canto digo é pouco para o que este pequeno paraíso natural é. Logo me contades...